Un curto camiño dende a igrexa de Santiago de Loureiro adéntranos nun monte alto ata chegar ao que resta da aldea de Arufe. Tamén é posible visitala a través dun roteiro circular duns 12km de lonxitude do que xa vos falei anteriormente, pero do que vos deixo adxunta unha imaxe da súa descripción para evitarvos ter que buscalo.
Pouco resta desta aldea abandonada maioritariamente a mediados do século XX á que nunca chegou o asfalto, pero si o suficiente para darnos conta de que é terra de canteiros na que a pedra é a protagonista.
Impoñentes hórreos, pombais e casonas que incluso no estado de abandono actual deixan entrever unha maxestuosidade difícil de atopar noutros lugares. Todas estas ruínas están mergulladas nunha foresta alta e cubertas de musgo e outra vexetación que tenta facerse dona delas.
Paga a pena perderse entre as súas pedras e deixar paso á imaxinación tentando adiviñar como sería a vida aló anos atrás.















