A Cántara da Moura. A Veiga

A través dun sendeiro dun kilómetro escaso, sen dificultade algunha e ben sinalizado, chegamos a este fermoso lugar dominado por bolos graníticos de moi diversas formas. Non se pode dicir que os ventos e choivas destas terras de alta montaña non fixeran ben o seu traballo.
E non só por iso é coñecida a zona, senón tamén polas covas que entre eles se formaron. Entre as máis famosas están a “Cova dos Escapados”, onde se refuxiaron durante meses os escapados da guerra civil do bando republicano. Baixaban á mesma por unha escaleiriña e nela podían sobrevivir sen saír ata semanas grazas ás troitas negras do río Corzos que vai soterrado a esta altura.
Outra cova empregada co mesmo fin foi a de “O Cubo”, que contaba con sete bocas de entrada co cal era doado xogar ao despiste.
Pero chegamos ata aquí na procura dunha moura, non escapando de nada. E é que conta a lenda que no interior da Cántara vive unha fermosa moura que cada día sae a peitar o seu dourado cabelo cun peite de ouro ás beiras do río. Cando se achega unha moza de Corzos, deixa caer o seu peite e se a moza llo recolle aprémiaa cunhas moedas de ouro, mentras que, se ao contrario o ignora, castígaa convertíndoa nun penedo máis do lugar.
Vese que hoxe xa rematara de peitearse que nin atopamos moura nin peite 😛🧐. Espero que vós teñades máis sorte 🤗!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *