A casa da peste. Galicia.

Na aldea de A Godela, no concello de Cerdedo-Cotobade, atopamos o que resta desta edificación rural do século XVIII, como reza na inscrición sobre o seu lintel (1721). A pesar do seu estado ruínoso, aínda podemos apreciar nesta construción de cantería un fermoso pórtico frontal con dous arcos de medio punto en pedra e as fiestras da planta baixa con reixas, ámbalas dúas características non habituais na época. No seu interior aínda mantén dúas vellas lareiras e no seu exterior conta con dous hórreos ao seu redor e un impresionante peto de ánimas cunha inscrición que o sitúa no ano 1847. Tamén se pode ver dende a parte de atrás o fermoso balcón da casa.
Aínda que non se sabe con certeza a causa do seu nome, dise que foi refuxio de corentena para os infectados coa Yersinia Pestis, bacteria que causa a peste e que levou á morte a millóns de persoas durante as primeiras décadas do século XVIII.
Déixovos no Wikiloc o track da ruta para que cheguedes sen problema e recoméndovos continuar un pouco máis cara abaixo ata a ponte do Peso, sobre as augas do río Barbeira. O día que fun púxenme coma un pito e a cantidade de auga dos camiños fíxome imposible chegar aló. Xa me contaredes!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *