Partindo da vila termal de Lobios e, seguindo o antigo trazado da Vía Romana XVIII que unía Braga con Astorga, atoparemos en primeiro lugar a Mansio Romana de Aquis Ogeresibus, sitio de descanso para os que transitaban esta vía. Un pouco máis adiante, saíndo uns metros da ruta, veremos o Muíño do Crego, e voltando ao noso camiño, un antigo peto de ánimas.
Dirixíndonos cara a Corga da Fecha o primeiro que captará a nosa atención xa ao lonxe serán as súas cristalinas augas verde-azuladas que forman unha poza idílica, de non ser pola temperatura da auga. Levantando a vista quedaremos embelesados coa maxestuosa fervenza da Corga da Fecha, da que non existen palabras para describir a súa beleza.
Voltando polo mesmo camiño veremos un sendeiriño pegado ao río Caldo que recomendo tomar para variar un pouco o camiño de retorno e tamén para poder desfrutar da tranquilidade que nos ofrecen as súas augas nesta altura.
En total son uns 5 quilómetros de lonxitude este percorrido que vos propoño, sen dificultade técnica algunha, con camiños bos e ben sinalizados, e coa posibilidade de darse un agradable baño ao rematar nas súas augas termais. Totalmente recomendable para peludiños! 


