Aínda que as súas orixes se atopen posiblemente en plena época romana, a meirande parte da súa fábrica actual data do século XV, se ben tamén sufriu reformas en datas posteriores.
Dunha beleza difícil de superar, conta con cinco maxestuosos arcos que fan dela unha das máis fermosas de Galicia. Ten unha lonxitude de 75 metros e na súa marxe esquerda consérvase un tramo de calzada empedrada e elevada de 102 metros, executada para facilitar o acceso á ponte durante as cheas invernais do río Tea.
Esta ponte forma parte da ruta medieval que une a comarca do Ribeiro co porto de Redondela, unha das rutas medievais do peixe da ría de Vigo e o viño do Ribeiro. Tamén serviu de nexo entre o río Miño e o Suído e o Monte Maior, de grande interese no comercio do gando, facilitando a comunicación aos habitantes de Salvaterra, Gargamala, Sabaxáns e Barcia de Mera.
Pénsase que nesta ponte se debeu cobrar unha portaxe no seu momento, xa que se conservan no peitoril pegadas dos apoios do que puido ter sido unha barreira. E lembrades que xa vos falei do rito do bautismo prenatal en outras pontes? Pois ben, esta non ía ser menos! 










