Ao longo desta senda atravesaremos diferentes pontes, unhas máis antigas e outras máis novas, pero o que é unha realidade é que todas elas teñen o seu encanto. Hoxe vouvos falar das máis antigas concretamente e seguindo a orde na que se deixan ver durante o roteiro:
– A Ponte de Ponterriza: marca o límite entre os concellos de O Carballiño e Boborás. Forma parte do “Camiño Real” que comunica Pontevedra con Ourense e pegado a él pódese ver a antiga casa onde se cobraba o portazgo. A primeira referencia que se ten da súa existencia data do século XVII e consta de dous arcos de granito asentados sobre rocha a ambos lados do río.
– A Ponte de Castro Cavadoso: aos pés das ruínas da fortaleza de Castro Cavadoso, pertenceu na Idade Media ao condado de Ribadavia formando parte dunha rede que comunicaba a zona do Ribeiro coas cidades de Pontevedra e Santiago. Nesta ponte tamén se cobraba un portazgo e pertenceu ao propio castelo. A primeira referencia que se ten dela é do ano 1230. Cun só arco de medio punto apoiado entre dous grupos de rochas a ambas beiras do río Arenteiro, a súa beleza é máis que evidente.
– A Ponte da Cruz: chégase a ela mediante un desvío sinalizado na propia senda, a 450 metros. Localizada sobre as augas do Avia, só mantén en pé unha das catro arcadas orixinarias, que probablemente foran levantadas no século XVIII. Contan os veciños que durante a batalla celebrada o 2 de marzo do 1809, na Guerra da Independencia, na loita dinamitaron a parte da ponte desaparecida para cortarlle o paso ao exército galo. Outra teoría que se baralla é que caera durante o terremoto de Lisboa de 1755.
– A Ponte do Santo Sepulcro: con data dos séculos XII-XVI, servía de paso para as xentes que se dirixían a Pazos de Arenteiro. Ten sobre a arcada máis grande, augas arriba, a Cruz do Santo Sepulcro e, augas abaixo, o relevo dun santo. Tamén forma parte do “Camiño Real”.















