Partindo do Parque Municipal do Carballiño ata a aldea de Pazos de Arenteiro, este fermoso sendeiro sorprenderanos polos seus numerosos atractivos. Máis aló da beleza do propio río, dos verdes camiños, frondosos bosques e penedos pintorescos, esta ruta conta cun importante patrimonio histórico, arquitectónico e etnográfico.
Por orde, atoparemos a pena dos namorados e a Fábrica de Papel da Lavandeira. Atravesando o río por un pintoresco paso, un camiño de penedos, muíños e pasarelas de madeira levaranos dirección a Ponterriza que sorprende coa súa fermosa ponte medieval, cruceiro con peto de ánimas e lavadoiro. Seguindo o noso camiño chegamos a Moldes, cos seus antigos alpendres da Feira perfectamente conservados, a súa escola e a Igrexa de San Mamede, do século XII e con cruceiro, a cal require desviarse 200 metros para visitala que son obrigatorios!
Adegas medievais, restos da fortaleza de Castro Cavadoso e a súa Ponte medieval, levarannos dirección a Cima de Vila de Cabanelas, con interesantes construccións e panorámicas da zona. Un desvío de 450 metros permite visitar a Ponte da Cruz, tamén obrigatoria se non a coñecedes. E atravesando a Ponte do Santo Sepulcro, pouco máis adiante, chegaremos a Pazos de Arenteiro. Non deixedes nin unha rúa por escabichar porque cada metro desa aldea paga a pena!























