A serra do mestre e a ruta dos muíños de Vesacarballa. Sabucedo. Concello de A Estrada

Este pequeno percurso circular lévanos ao carón dos muíños de Vesacarballa e conta cun deles moi especial, o primeiro concretamente. Como vedes, a cousa xa comeza forte.
Esta primeira instalación tivo usos diferentes e variados. Foi promovido polo mestre de Sabucedo Don Francisco Regueiro Moreira e a súa primeira pedra colocouse en 1912. Foi un ano máis tarde cando comezou a funcionar coma muíño de maquía. Os “muíños de maquía” eran custeados por particulares que moían para outros obtendo coma pagamento unha parte da fariña moída, a diferencia dos “muíños de herdeiros” que pertencían a varios veciños que participaran na súa construcción e transmitíase por herdanza.
Foi en 1921 cando se pon en marcha o serradoiro transformando a madeira provinte dos montes en madeira de uso doméstico grazas á forza da auga do río. E nese mesmo ano, o mestre tamén leva a cabo a construcción do forno de pan, no que a familia se reunía enteira un día para cocer o pan de millo.
Todo o percurso é por zona sombreada, ideal para días de sol, está limpo pero deficientemente sinalizado dende o meu punto de vista. Hai varios paneis no pobo que indican a existencia dun roteiro curto e outro longo a partir do tramo inicial dos muíños pero unha vez pasados estes a sinalización xa é case inexistente.
Aínda así, paga a pena achegarse a ver estas xoias e tamén o propio pobo 😊😍.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *