Onte deixábavos nesta aldea ao fin da etapa 2 da parte galega deste gran roteiro, pero coido que ten moito máis que ofrecer ca unha sinxela mención na descripción de tal percurso. Cunha fermosura singular, incluso no seu estado semirruinoso, e enmarcada nunha impresionante paisaxe, asegúrovos que é quen de namorar a calquera que a visite.
A aldea de Salgueiro está na vertente norte da serra do Xurés, no val do río Salas, a 1030 metros de altitude. Amasou riquezas coa producción do carbón no pasado, oficio escravo e esgotador este, pero que lle valeu a esta aldea para ser coñecida como o “banco do Xurés”, onde acudían xentes de outros pobos para pedir préstamos.
Claro exemplo do diñeiro que alí se producía son as súas casas, sobrias pero de boa cantaría. Alén de ser terra de carboeiros, Salgueiro foi unha aldea agrícola e gandeira, na que moitas das tarefas eran feitas en común polos seus veciños. Pero o seu clima e altitude non permitían cultivos moi diversos. Centeo, do que se facía o pan, verzas e patacas, eran recoñecidos nas aldeas de arredor pola súa calidade. Debido á escaseza da auga do rego nas épocas máis quentes do ano, o seu muíño só funcionaba no inverno.
Nunca contou cun cemiterio propio, polo que, cando alguén falecía, tiñan que transportalo ás costas ata a aldea de Prado de Limia polo camiño que baixa xunto ao torrente de Salgueiro, sendo coñecido como o “camiño dos mortos”. Non obstante, sí que conta cunha capela en bo estado e da que se descoñece a data de construcción, aínda que xa aparece citada no século XVIII. A imaxe de San Antón de Padua que tiña marchou cos últimos moradores da aldea e atópase agora na igrexa de Prado de Limia.
Estas duras condicións de vida, o seu illamento, a falta de electricidade e o fin do uso do carbón como fonte de enerxía, propiciaron o seu abandono na metade do século XX sendo actualmente propiedade da Xunta de Galicia.





















