Hoxe achégovos outro claro exemplo do despoboamento rural que tivo lugar ao longo do século XX e que, por desgraza, continúa. De pouco lle valeu a esta aldea a súa ubicación, próxima a Pazos de Arenteiro, vila con grande importancia histórica, ou formar parte dunha comarca cuxo viño foi o primeiro en obter a denominación de orixe en Galicia.
Aínda que a día de hoxe só se conservan restos das súas vivendas tradicionais de granito, peches e antigos camiños de pedra, conta cun encanto especial que fai que nos traslademos a anos atrás imaxinándonos como sería a vida aló nun día normal.
É posible chegar camiñando á mesma dende Pazos de Arenteiro sen grande dificultade. Tamén pasa por aló o Camiño da Geira e dos Arrieiros así coma outros roteiros locais. E a miña recomendación, meus queridos, é que non demoredes demasiado a vosa visita, porque esta aldea forma parte dese noso patrimonio que, como non fagamos algo ao respecto, vai quedar no esquecemento sen tardar moito
.
Espero que vos guste! 

