Gran Ruta Transfronteiriza Gerês – Xurés.
Etapa 3. Salgueiro a Lobios
A Cela e os seus arredores están marcados por impresionantes formacións rochosas de gran magnitude que conforman unha paisaxe case irreal, unha dispersión de bolos graníticos arredondeados, fracturados e amontoados en equilibrios imposibles (as chamadas pedras cabaleiras). Como vos poderedes imaxinar, ao longo do tempo foron moitas as lendas que xurdiron sobre elas.
A propia aldea é un exemplo perfecto de integración do home no medio. De orixe moi antiga, as súas casas están construídas sobre os propios bolos graníticos. Considerada un dos enclaves máis relevantes do Xurés a nivel etnográfico e histórico, foi berce de San Rosendo no século X e fortificación de defensa para os Araúxo, señores desas terras durante a Idade Media. Nas súas inmediacións atopamos as ruínas do Cenobio de Santa María e do castelo da Fraga Raxada.
Tamén a fervenxa do pozo da Seima ou pozo Negro, de obrigada visita, onde as augas do río Salas saltan unha parede rochosa de 15 metros de altura. Non se sabe con exactitude a profundidade desta, pero contan os máis lonxevos do lugar que fai moitos anos foron atados sete sedeños (cordas de sete metros de lonxitude que se empregaban para atar a carga dos carros), e non chegaron ata o fondo! Atópase a uns 800 metros da aldea aínda que hai máis xeitos de chegar.




















