Aos pés do río Miño, encaramada nunha pendente pronunciada, atopamos esta fermosa aldea restaurada con mimo e esmero, conservando a arquitectura tradicional da zona. Cheguei a ela fai un tempo, de total casualidade, e teño que dicir que é deses lugares aos que adoro voltar.
As súas vivendas de pedra con cuberta de pizarra, ás que se accede por sendeiros con fortes pendentes, e a estampa dos viñedos coas augas do Miño como fondo, fixeron que me namorara deste lugar onde prima a paz e a tranquilidade.
Pero non sempre estivo así. Aínda que parece imposible véndoa hoxe en día, esta aldea chegou a quedar deshabitada por volta dos anos 70 ata que en 1999, un empresario coruñés en busca de viñas chegou a Pantón, e tamén quedou prendado deste lugar. Despois de negociacións cos antigos propietarios e implicando a máis compradores, comezaron a rehabilitación da aldea no ano 2010, creouse a bodega A Míllara e recuperouse o viñedo.
Aquí vos deixo unhas fotiños á espera de que vos gusten! 

