Gran Ruta Transfronteiriza Gerês- Xurés.
Etapa 3. De Salgueiro a Lobios.
Aínda que esta etapa pasa polo pobo e os arredores de Guende, hoxe non vos vou falar da aldea en sí mesma, senón do que é para min o seu maior tesouro, o seu foxo do lobo. O percorrido da Gran Ruta Transfronteiriza non vai nesa dirección, pero no propio camiño vemos un desvío que nos coloca aló en 2,70 quilómetros que posteriormente teremos que desandar. Como a propia etapa xa ten unha distancia considerable, a miña recomendación é a súa visita con detemento en outro momento, pero non vos esquezades del!
A orixe deste tipo de trampas data xa da Idade Media e é un claro exemplo da loita histórica entre o home e este animal que ameazaba o seu gando.
Hai dous tipos de foxos para capturar ao lobo, os de converxencia e os de cabrita, que é o caso deste en concreto. Chámanse así porque se empregaba unha cabra coma cebo, que era colocada no interior do círculo, para atraer ao seu depredador. O lobo subía por unha rampa para achegarse e despois era incapaz de saír debido á altura do muro. O de Guende conta con unha altura de máis de dous metros e un perímetro duns 200 metros aproximadamente.
Ubicado no corazón da Serra do Xurés, entre a aldea de Guende e os picos de Fontefría, ten acceso a través dun antigo camiño que comunicaba no medievo os mosteiros de Pitoes das Júnias e Santa María de A Cela. Como vedes, un roteiro cargadiño de historia!

























