Aldea de Pereira. Concello de Entrimo

Ao longo da etapa 6 da Gran Ruta Transfronteiriza Gerês – Xurés, e despois dunha subidiña mantida que nos obsequia cunha fermosa panorámica da aldea de Guxinde sobre un fondo montañoso, alcanzaremos esta singular aldea situada a uns 760 metros de altitude.
A súa entrada non deixa indiferente a ningún camiñante, con esa pintoresca verea delimitada por altos muros de pedra que cercan as fincas colindantes e que xa nos permite ver ao lonxe un primeiro núcleo de canastros, que debido ao seu estado de deterioro, semellan carecer de utilidade no presente.
A medida que nos adentramos no pobo, podemos ver nas súas vivendas un claro exemplo da arquitectura tradicional da zona. Un forno comunitario, unha fonte cunha inscripción de 1967, un lavadoiro e un segundo núcleo de canastros, desta vez en mellor estado que os anteriores, conducirannos ata a parte alta da aldea, onde un peculiar cruceiro no medio do camiño captará a nosa atención antes de divisar a Igrexa de San Facundo a nosa dereita e outro núcleo máis de canastros nun estado de conservación mellorable.
Cóntanos unha veciña que pese a que o número de habitantes foi en descenso nos últimos anos, coma na maioría de aldeas galegas por desgraza, os que aló quedan seguen a manterse unidos, e mostra diso é a cea veciñal que se celebra un sábado por mes para todos os que alí viven ou son naturais do lugar. Tamén que é moi difícil ver a igrexa aberta xa que só teñen misa sábados alternos, iso sí, impartida seica por un párroco estranxeiro do máis amigable.
Se subimos camiño arriba, podemos desfrutar dunha fermosa vista sobre a aldea que nos dá unha idea máis exacta das súas dimensións e nos permite ver a beleza paisaxística dos seus arredores.
Alén deste roteiro, Pereira tamén forma parte do camiño do Sendeiro da Ruta do Pan PRG-128, de Entrimo, de feito ambas rutas comparten unha parte importante do percorrido. ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *