Onte faleivos dun roteiro curto pero fermoso que parte desta inverneira, coa promesa de contarvos un pouquiño sobre a historia de Pontes. Xa en algunha ocasión vos mencionei que nesta zona, como mínimo dende o século XIX, o máis habitual era ter dúas vivendas. Unha delas estaría destinada aos meses máis fríos do ano, situada a menor altitude (nas inverneiras), e outra para os máis cálidos, a maior altitude (nas brandas). A xente trasladábase de unha a outra como mínimo á altura de decembro e marzo aproximadamente, levando consigo todas e cada unha das súas pertenzas, alén dos animais. Como poderedes imaxinar, a mudanza non era cousa fácil e, se non estou errada, penso que aínda quedan dúas familias que manteñen a tradición na actualidade.
Pois ben, Pontes era un deses lugares nos que a xente pasaba o inverno ata que rematou por quedar deshabitado, permanecendo sen xente por máis dunha década. Foi entón cando Manuel Rodrigues, que acababa de xubilarse e propietario hoxe en día de 8 casiñas adicadas ao turismo rural, comezou a rehabilitar a que fora noutra hora a súa casa familiar. E como vedes, non quedou ahí a cousa. O outro día contábame con moita ilusión que atrás desta veu outra, e outra, e outra, que aínda a día de hoxe está a dar xeito a casas que se atopan caídas, que é un proxecto persoal que leva a cabo coas súas propias mans e coa mínima axuda imprescindible e que o que o move é ver a aldea na que se criou chea de novo de vida e ben coidada. E está claro que o consegue!
O lugar é totalmente de conto, máxico, e iso é algo que se percibe tan pronto colocas un pé aló, ao igual que o cariño e mimo co que Manuel levou a cabo o seu traballo. Os meus parabéns para él e obviamente é unha visita máis que obrigatoria para vós! 

