Gran Ruta Transfronteiriza Gerês- Xurés.
Etapa 3. De Salgueiro a Lobios.
A alvariza de Salgueiro, ubicada ao final do pobo, almacenaba cortizos en socalco para salvar a inclinación do terreo. No Xurés, os cortizos son moi particulares. Teñen unha base cilíndrica de cortiza de sobreira e dentro insírense os fustes, uns paus cruzados onde as abellas suxeitan os panais. Remátase a estructura cun tellado cónico de palla de centro que dá ao conxunto forma de casiña. Aínda que dan menos producción e a esmelga é máis custosa, o seu mel é de maior calidade que o das colmeas modernas.
A acción do home provocou a desaparición de osos do Xurés a mediados do século XIX, polo que hoxe en día estas alvarizas serven como protección fronte a outros animais e amigos do alleo unicamente.
Déixovos o enlace da publicación sobre esta fermosa aldea, hoxe abandonada, que fixen fai uns días, por se non tivestes ocasión de velo, así coma unhas fotiños da propia aldea alén das da alvariza.
















