Pois si, hoxe vouvos levar de paseo polas igrexas de Allariz, que non son poucas precisamente
.
No alto da vila podemos atopar o Convento de Santa Clara, iniciado a finais do século XIII baixo a protección de Dona Violante, e que conta cunha Virxe Abrideira digna de ser visitada. Ao seu carón temos a Igrexa de San Bieito, de finais do século XVIII. A ámbolos laterais desta igrexa atopámonos con dous cruceiros.
A medida que baixamos polo casco vello podemos ver a Igrexa románica de Santo Estevo, de mediados do século XII. Tamén románica temos a Igrexa de San Pedro, de finais do século XI e na que nun dos seus laterais podemos ver todo o que resta da antiga Igrexa de San Salvador do Piñeiro, sobre a que no ano 1902 caeu un raio causando unha gran catástrofe. No seu lugar tan so queda agora unha cruz en homenaxe ás víctimas.
Na praza maior cairemos rendidos ante a espectacular Igrexa de Santiago, tamén románica, de finais do século XI e principios do XII.
Xa achegándonos ao río, antes da Ponte Romana, contamos coa Igrexa de Santa María de Vilanova, románica de finais do século XII e relacionada coa orde de Malta. Conta co único cruceiro en Allariz que mantén o seu emprazamento orixinal.
E xa dende fai un tempo me chamou a atención unha fachada que non me concordaba co que dentro da propia edificación había. A mestura da curiosidade e unha axuda de gran valor, leváronme a saber que pertencía á Igrexa de San Lourenzo, construída en 1691.


















