Alvariza da Ribeira Sacra. Provincia de Ourense

Non fai moito tempo descubrín esta xoia en plena Ribeira Sacra. Ao carón do Miradoiro do Banco e do Miradoiro de Pé do Home, podemos contemplar esta estructura encargada de protexer as colmeas.
As alvarizas adoitan situarse lonxe das vivendas, en terreos con pendente e cunha orientación ao nacente ou ao mediodía. É moi importante para as colmeas o aproveitamento da luz solar e a protección aos fortes ventos.
Os seus muros, de entre dous e tres metros de altura, soen estar construídos cunha cachotería en seco de lousas de xisto e un capiado superior feito con lousas de maior tamaño para evitar a entrada de animais (seica os osos non lle fan ascos ao mel 🤤🤤🤤). Tamén contan con algo para gardar o material de mantemento e unha pequena porta de acceso, normalmente de madeira.
A superficie interna soe estructurarse en longas e estreitas terrazas escalonadas onde se instalan as colmeas.
En Galicia podedes atopalas tamén en outras zonas coma O Courel, Os Ancares, os montes de Lalín… e aínda que as que teño visto eran de pranta circular ou ovalada seica hai constancia de algunhas rectangulares. E tamén hai alvarizas fóra de Galicia, sen ir máis lonxe, en Asturias por exemplo.
A esta, concretamente, chégase facilmente a través dun agradable e curto paseo por unha pista boa que tamén nos leva aos miradoiros antes citados. Recoméndovos encarecidamente unha visitiña á zona ❤️.
Sei que vos gustará!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *