Andaina por Allariz

Hoxe vou compartir con vós un roteiro circular duns 18 quilómetros, ideal para coñecer algunhas das aldeas de Allariz. Con punto de partida na propia vila e, a través de variados camiños e fermosas carballeiras, comezaremos acompañando o río Arnoia ata o desvío cara Vilar de Flores.
Unha vez coñecido o pobo, continuaremos para facer o mesmo en San Breixo, Turzás, A Vila e Augas Santas, onde, alén de desfrutar da aldea, seguiremos un anaco do roteiro arqueolóxico e etnográfico Armea-Santa Mariña de Augas Santas, descubrindo así a historia de Mariña, a Cibdá de Armea e o xacemento romano do Monte do Señoriño entre outras cousas. E así é como chegamos a Armea e, dende aquí, a Laioso, Souto, Folgoso, Coira, A Enfestela e Roiriz, voltando de novo a Allariz.
Como podedes ver, estes quilómetros dan para moito. E é que unha soa publicación non é suficiente para falar de cada aldea individualmente, pero podo asegurarvos que todas teñen o seu encanto e beleza.
Os camiños están en perfecto estado e aínda que eu vos propoño este trazado, é posible facelo máis curto ou longo en función das necesidades de cada un. Espero que vos guste! 🤗

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *