As augas termais do río Miño. Ourense. Galicia.

Hoxe vouvos facer unha recomendación do máis versátil. Nuns 4 quilómetros de lonxitude, poderedes descubrir as principais zonas termais ubicadas nunha das beiras do río Miño e moi preto do centro da cidade. Comezaremos por A Chavasqueira, que conta con zona de baño tanto pública coma privada. A seguinte que atoparemos será a fonte do Tinteiro, con augas especialmente indicadas en afeccións dermatolóxicas. A continuación a Burga do Muíño, de uso público e para min a máis fermosa. E por último as de Outariz, que ao igual que as da Chavasqueira contan con zona de baño pública e privada.
Aínda que o percorrido da primeira até a derradeira é de 4 quilómetros, existe todo un paseo circular que rodea o río Miño de 12 quilómetros de lonxitude, en perfecto estado e sen dificultade técnica algunha. Tamén é posible continuar dende Outariz o noso paseo sen atravesar a ponte, onde vos veredes nun camiño do máis pintoresco e ben diferente do anterior.
E se o que vos interesa é o baño e o calorciño, é posible achegarse en coche a algunhas delas ou a través do tren termal que fai o percorrido completo. Como vedes, por fin chove a gusto de todos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *