Para falarvos deste importante proxecto creado en 1915 e que tivo lugar en Laxedo, é imprescindible comezar mencionando á persoa que o fixo posible: Manuel Barreiro Cabanelas.
Nado en Laxedo no ano 1867, dende moi cativo axudou nas tarefas do campo e pastoreo propias do lugar e da época a súa nai, mentras seu pai, canteiro de profesión, traballaba na construcción do ferrocarril en Portugal.
Sendo aínda un adolescente, viu como seu pai enfermou de tuberculose e morreu, deixando a súa nai a cargo de catro fillos, e na procura dunha vida mellor, colleu os aforros que seu pai deixara e sen dicir nada a ninguén, con tan só 16 anos, foi camiñando ata Lisboa e embarcouse cara Río de Xaneiro. A súa única despedida foi unha nota que dicía “nai, non me espere, viaxo á emigración”.
Aínda que os seus comezos no Brasil non foron doados, grazas a súa insistencia e boa sorte, pronto conseguiu diñeiro e contactos. Volta a Galicia no ano 1899 por primeira vez, sen ter a oportunidade de volver a ver a súa nai viva. Cando comezou a Guerra Civil española realizou importantes doazóns a ambos bandos así como a institucións tales coma o Hospital de Pontevedra, o Asilo de Anciáns e a Inclusa. Tamén no Río deu diñeiro á beneficencia.
Pero nunca esqueceu as súas raíces, a aldea de Laxedo, onde mediante incentivos económicos tentou deter a diáspora, trazou un plan urbanístico e personalizou o pobo con esculturas e relevos que aínda perduran nas súas fachadas. Tamén canalizou os mananciais, promoveu a cantería local, creou unha banda de música e fixo posible o deseño do gran parque natural das florestas escolares.
Este parque contaba cuns 40000 metros cadrados que albergaban no seu interior as Colonias Escolares. Esta obra que se alongou máis de 25 anos executouse sen escatimar en gastos. Consta de tres edificios dotados de todo o preciso para a ensinanza. Un colexio de oito graos onde se impartían clases de costura, bordado ou cantería e que financiaba os futuros mestres de carreira dende nenos.
Hoxe en día, por desgraza, tan só quedan as ruínas deste proxecto, pero aínda así paga a pena visitalas e admiralas e, como non, dar un paseo polo pobo.
















