Este enclave foi habitado ao longo dos séculos, inicialmente como castro costeiro, converténdose na época romana en importante porto comercial e, na Idade Media, nun dos fortes máis importantes de Galicia con sete grandes torres situadas nas dúas beiras do río.
Este emprazamento estratéxico na desembocadura do río Ulla, sobre un promontorio pedregoso unido á terra firme por unha xunqueira, vai definir o seu carácter e utilidade. Antes que me esqueza, recoméndovos encarecidamente un paseíño pola senda fluvial que podedes coller ahí mesmo 
.
Unha das funcións deste conxunto foi a defensa do enclave portuario de posibles ataques de piratas e o control do curso fluvial do Ulla, conseguindo durante anos frear o ascenso polo mesmo de viquingos, normandos e sarracenos, cun sistema defensivo que foi organizado pola monarquía e os bispos composteláns.
Tamén foi residencia da Mitra compostelá e prisión do señorío episcopal durante a Idade Media. Foi no século XV cando comezou a súa decadencia co reinado dos reis católicos.
Foron declaradas Monumento Artístico Nacional en 1970 e Ben de Interese Cultural. Hoxe en día só restan ruínas dalgunhas das torres así coma unha fermosa capela adicada ao Apóstol Santiago.
O primeiro domingo de agosto reúnense aquí miles de persoas para desfrutar da Romaría Vikinga de Catoira, declarada de Interese Turístico Nacional, así que xa sabedes, anotala no calendario! 









