A Ribeira Sacra é cada vez máis coñecida e valorada. E é que as súas paisaxes, arquitectura tradicional e etnografía son capaces de despertar o interese de calquera. Son moitos os roteiros e miradoiros que ofrece para mergullarse en cada un dos seus recunchiños pero aínda así, sempre que falo con moita xente deste territorio, doume conta que hai uns cantos sitios que coñece unha gran maioría pero que hai toda unha Ribeira Sacra descoñecida totalmente para moitos.
Hoxe pretendo achegarvos un pouquiño máis a ela coa aldea de Baldomar e os seus fermosos muíños e arboredo.
As augas que por aquí pasan, moveron en tempos anteriores ata sete muíños fariñeiros e unha central eléctrica. Hoxe en día, hai unha ruta aberta que parte da aldea de Baldomar e cruzando unha ponte de pedra acompaña a auga no seu correr pasando por estes muíños. Chama a atención especialmente un deles, cunha canle duns 40 metros de lonxitude construída en pedra de cantería. Outro, de grandes dimensións, aloxou no seu interior dous muíños fariñeiros e unha central eléctrica que daba luz a Luintra e Baldomar ata o ano 1956, no que comezou a operar o encoro hidroeléctrico de Santo Estevo.
Aínda que todos se atopan en ruínas actualmente, a súa beleza e importancia no pasado é máis que evidente. Carballos, castiñeiros e penedos cubertos de musgo acompañarannos todo o percurso.
Aínda que conta con pendente practicamente na súa totalidade, paga a pena achegarse a coñecer o lugar, idóneo para días calurosos pola sombra e frescor que proporciona a auga
.
A propia aldea de Baldomar conta con moitas das súas construccións en estado ruinoso desgraciadamente, pero tamén hai que darlle os parabéns a algúns que pese a iso decidiron invertir no pobo e ata desenvolver a súa actividade profesional aló 
.





















