Preguntarédesvos algúns de vós que relación existe entre a Igrexa de San Estevo de Casteláns,do concello de Covelo e da que só restan unhas ruínas no seu enclave orixinal, e o Balneario de Mondariz, do concello de Mondariz Balneario.
Pois ben, non fai moito tempo recomendábavos unha visita a Mondariz Balneario e comentaba a importancia deste lugar e as súas augas dende que foron declaradas de utilidade pública no ano 1873. No xardín do Balneario podedes ver cinco xanelas absidais que probablemente foran trasladadas a este lugar na segunda metade da década de 1920, co fin de enriquecer este sector coñecido coma O Bosque. Tamén un arco triunfal, datado probablemente do último cuarto do século XII ou primeiro do XIII.
Polo visto, estas eran pezas pertencentes á Igrexa de San Estevo de Casteláns. A súa ruína e derrubamento da cuberta da ábsida moveron a Enrique Peinador Lines, propietario do balneario de Mondariz, a adquirir e trasladar ao Bosque do seu establecemento os restos máis significativos da mesma conformando así o xardín arqueolóxico do principal balneario de Galicia.
Pero ollo, que se queremos ver todo o que resta desta Igrexa románica e antiga abadía benedictina feminina, non só debemos visitar Casteláns e o balneario de Mondariz, xa que tamén foron empregados restos da mesma na capela de San Roque de Pontevedra.
Xa vedes para canto deu unha igrexa…











