Pertencente ao concello de O Bolo e no límite co concello de A Veiga, ten a súa ubicación o que resta deste balneario que, a xulgar pola súa beleza incluso no estado no que se atopa, non debeu pasar desapercibido no pasado.
Contaba con dúas edificacións unidas entre sí por un corredor ou solaina. Pasando por debaixo deste e seguindo un camiño, íase dar ao manantial situado a uns 700 metros (teño que dicir que eu non fun quen de dar con el por causa da maleza existente). Entre as súas instalacións estaban unha hospedería cunhas trinta habitacións con dereito a cociña, forno, lavabos… Tamén unha fonda e unha capela na que tódolos domingos se oficiaba a misa e despois pola tarde se facía festa na praza para entreter aos que se beneficiaban destas augas ferruxinosas, disque boas para as anemias e patoloxías dixestivas.
Coma moitos outros balnearios, este viviu a súa época dourada en pleno século XIX e principios do XX, ata 1936 concretamente e pechando as súas portas coma consecuencia da guerra civil en España.
Aínda que logrou sobrevivir ás augas do encoro de Santa Eulalia, o abandono, as malas comunicacións e as consecuencias da guerra levaron ás actuais ruínas do mesmo, perdidas entre a maleza e no medio dun monte incomunicado.
É un deses lugares aos que non lle auguro moi bo futuro en caso de non levarse a cabo ningunha actuación que axude a preservalo.
Pódese chegar a pé por un camiño que parte da aldea de Barxa e vai paralelo ao río Xares e ao encoro. Coido que vos pode levar unhas dúas horas a paso tranquilo. Tamén existe unha ruta circular que xa vos recomendei fai un tempo duns 14km e que sae de Barxa e pasa polo Balneario do Mondón, Aceveda e San Martín para voltar de novo ao inicio.
















