Moitos de vós seguro que xa coñeceredes, polo menos de ouvido, esta localidade famosa polas súas augas termais empregadas dende a época da romanización. As súas fontes e mananciais foron declarados de utilidade pública en 1873 o que propiciou a construcción do balneario a finais do século XIX. Dentro deste edificio o manancial principal é coñecido como a Fonte Quente, e é que as súas augas brotan a nada menos que 49 graos!
Ao lado de fóra do edificio atoparemos A Burga de Molgas, unha fonte termal do século XIX con augas entre os 28º e 45º que atravesan un cano ata chegar a dúas grandes pías de pedra. O emprego destas augas está especialmente indicado para tratamentos de reuma, artrite e gota.
E pouco máis adiante a Ponte Vella, da época romana, construída probablemente no século II. Formaba parte das vías secundarias da chamada Vía Nova XVIII, da que xa vos teño falado en outras ocasións. Isto da a entender a relevancia de Baños de Molgas como encrucillada de camiños para as infraestructuras do Baixo Imperio Romano.
Recoméndovos tamén un paseíño pola beira do río, realmente fermoso, así como adentrarvos polas súas rúas e deleitarvos coas súas casas antigas, a eira de canastros e a súa igrexa.




















