Moi preto das augas do río Lérez podemos atopar os Baños de San Xusto, o seu recentemente reformado balneario (feito sobre as instalacións dunha antiga minicentral eléctrica e os baños anteriores e que permanece pechado actualmente), así como varios muíños de finais do século XIX. As augas destes baños estaban especialmente indicadas para enfermidades da pel, do fígado, reumáticas e artríticas.
Xa a mediados do século XIX, estas augas satisfacían as necesidades de centos de persoas cada ano mediante uns pilóns colocados ao aire libre. E é en 1915 cando se constrúe o primitivo gran balneario de San Xurxo de Sacos, que chegou a contar con 12 bañeiras e que se mantivo en ruínas ata fai poucos anos.
Afastándonos un pouco da beira do río, na propia carballeira de San Xusto, podemos ver a capela e máis o seu cruceiro así como un mirador con unhas vistas únicas do cañón que forma o río e do frondoso bosque autóctono que o agarima. A capela data do século XV- XVI e conta cunha inscrición en cada unha das súas portas.
Existe unha área recreativa onda capela e tamén ao carón do mirador na que podemos descansar, repoñer forzas e ata ler unhas fermosas liñas nos bancos do merendeiro que fan referencia á carballeira.
Para chegar a este lugar tomaremos un desvío na nacional 541 no que xa indica o balneario de San Xusto. Non hai pérdida posible. Ollo se o poñedes no google maps, buscádeo como área recreativa da carballeira de San Xusto ou pola capela, senón pódevos tolear 

.
Espero que vos guste 



















