Belesar e os seus bosques, viñedos e románico

Neste roteiro circular que vos propoño hoxe de pouco máis de 22km, poderedes apreciar unha gran riqueza paisaxística, os viñedos e bodegas da zona e auténticas xoias do románico como a Igrexa de San Esteban de Ribas de Miño, a Igrexa de San Paio de Diomondi e a Igrexa de Santa María de Pesqueiras.
Con saída do embarcadoiro de Belesar, onde podedes tomar un café para coller forzas antes de comezar a subidiña que vos espera, ascendemos pola antiga calzada romana que comunicaba coa vía que unía Astorga e Braga atravesando preciosos bosques.
Chegamos así á Igrexa de San Paio de Diomondi, seguimos ata o pobo de Galegos e a Igrexa de San Esteban de Ribas de Miño. Continuamos ata entrar en Pesqueiras e nos viñedos desta zona, aparecendo, coma quen non quere a cousa, na impresionante presa de Belesar, do ano 1963.
Dende aquí colleremos dirección cara a Igrexa de Santa María de Pesqueiras e faremos a volta polos viñedos de Belesar ao carón dalgunhas das súas bodegas.
O camiño está en boas condicións e é un verdadeiro espectáculo de cores no outono. Moi recomendable ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *