Hoxe achégovos o derradeiro pobo promiscuo que me restaba por describirvos. Cambedo da Raia era o que contaba con menor número de habitantes no momento no que pasou a formar parte de Portugal, con 25 veciños portugueses e 15 veciños españois.
Todos eles compartían antes do Tratado de Límites de 1864 á única capela da aldea, a de São Gonçalo, situada na parte portuguesa, así coma o forno comunitario, pertencente á parte galega. Tratábase do maior forno comunitario dos tres existentes na freguesía, con capacidade para 30 pans por fornada, sendo preciso un carro de bois de leña para quentalo. Durante a guerra civil española e pos-guerra funcionou sen cesar para mitigar a fame dos afectados españois.
Esta aldea foi de gran importancia neste período, dando un claro exemplo de solidaridade e xenerosidade, recibindo despois do inicio da guerra civil española centenas de refuxiados durante 10 anos e posteriormente guerrilleiros antifranquistas.
Para desaloxar estes guerrilleiros, a aldea foi cercada por forzas represivas españolas e portuguesas o 20 de decembro de 1946, e bombardeada o día 22 polo rexemento de Chaves. A día de hoxe podemos ver aínda as ruínas de casas que non resistiron esta embestida.
Como vedes, aínda que era a máis pequena das tres aldeas, non lle falta historia tampouco. O roteiro PR8CHV do que vos falei na publicación de Vilarelho da Raia, circular de pouco máis de 17 km, tamén pasa por aquí. Tan pronto o leve a cabo compartireino con moito gusto!
Espero que vos guste! 



















