Camiño da Geira. De Portela do Homem a Campo do Gerês. Portugal.

Aquí tedes outro dos meus roteiros favoritos. Aínda que forma parte do trazado do Camiño da Geira e dos Arrieiros, xa o percorrera moito antes e teño que recoñecer que a súa beleza foi o pulo que precisaba para decidirme co camiño.
Dende o Museo Etnográfico de Campo do Gerês até a Portela do Homem hai uns 12 quilómetros de lonxitude (24 ida e volta, xa que é lineal), sen dificultade técnica algunha, ben sinalizados e practicamente sen desnivel.
Camiñaremos a través da antiga calzada romana que unía Braga e Astorga, entre os miliarios das millas XXVIII á XXXIV, nalgúns dos cales aínda se poden apreciar nomes de emperadores romanos. Acompañaranos a densa e verde vexetación da Mata da Albergaría, unha das carballeiras autóctonas mellor conservadas da península ibérica, e as fermosas paisaxes e pozas que forman ao seu paso as augas do río Homem.
En Campo do Gerês, recomendo encarecidamente a visita ao seu museo, onde poderedes saber máis sobre a aldea de Vilarinho da Furna, hoxe en día sumerxida nas augas do encoro e que contaba cunhas 80 vivendas e 300 habitantes. Tamén sobre o modo de vida, costumes e tradicións do lugar.
Prometo que non vos decepcionará!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *