Camiño de Taverneiro. Etapa 3. De Pazos de Borbén a Ponte Caldelas.

Barbudo, Rebordelo e Ponte Caldelas.
Partindo da aldea de Barbudo, unha pronunciada subida pola estrada será a que nos ofreza unha fermosa panorámica do lugar, ata comezar o noso descenso cara Rebordelo. Será un peto de ánimas de tres corpos o primeiro en recibirnos aquí, pero non o derradeiro. E continuamos así cara Covelo achegándonos cada vez máis ao río Verdugo ata cruzar as súas augas para entrar en Ponte Caldelas.
Á entrada na vila veremos a capela de San Roque, ligada ao balneario que existiu no lugar dende finais do século XIX ata o seu incendio no ano 1910, e que dará paso a casas con unha arquitectura do máis singular, a un impresionante ceo de paraugas coloridos e á igrexa parroquial de Santa Eulalia, construída sobre o solar dunha anterior e da cal aínda podemos apreciar restos esparexidos no atrio que rodea a igrexa, xunto cun espectacular cruceiro do ano 1692.
Recomendo encarecidamente unha visitiña en maior profundidade desta vila para descubrir todos os encantos que ten para ofrecernos. Non pasedes por alto ningún detalle!
Espero que vos guste! 🥰

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *