Con 15 quilómetros escasos de lonxitude, esta etapa parte da fermosa vila de Ponte Caldelas, a cal atravesa ata deixarnos na estrada pola que ascenderemos uns 3 quilómetros ata un camiño de terra que nos adentra na vexetación. Pero non remata aquí a subida, a cal se mantén ata preto do quilómetro 9.
Será no derradeiro tramo onde coñeceremos as aldeas de Insuela, O Igrexario, a xa abandonada de Arufe e A Chan, onde rematamos o noso percorrido. Non faltarán nelas magníficos exemplos da arquitectura tradicional galega, espectaculares igrexas coma a de Santiago de Loureiro e algún que outro bechiño que nos sairá ao camiño.
Todo o trazado está perfectamente limpo e sinalizado, e aínda que a maior parte do mesmo ten tendencia á subida, carece de dificultade técnica. Ahí vos van unhas fotiños!

