Camiño de Taverneiro. Etapa 5. De A Chan a Pedre.

Cuns 12 quilómetros escasos de lonxitude, esta etapa comeza atravesando a aldea de A Chan, na que coñeceremos a curiosa capela de San Roque. A partir de aquí un fermoso sendeiro dará paso a un tramo pola estrada, de algo máis de tres quilómetros, que remata á altura da fermosa igrexa de San Gregorio de Corredoira.
Ata este punto do roteiro a tendencia era a subir, unha subida moi levadeira, e agora será a través de camiños de terra carentes practicamente de desnivel que nos achegaremos á baixada cara o punto final da etapa, Pedre. Esta é unha aldea que ben podía dar para unha publicación en sí mesma. Cruceiros, hórreos, petos de ánimas, a igrexa de Santo Estevo, unha eira considerada unha das agrupacións de canastros máis importantes de Galicia e unha ponte e calzada romana! Que máis se pode pedir?
Todo o trazado está perfectamente limpo e sinalizado, e aínda que a maior parte do mesmo ten tendencia á subida, carece de dificultade técnica. Ollo nos días de moita calor pois a maior parte do percorrido é descuberto.
Espero que vos guste! ❤️

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *