Este fermoso e variopinto roteiro, con preto de 5 km ida e volta xa que é lineal, parte da aldea de San Lourenzo e percorre os lugares naturais e arqueolóxicos máis emblemáticos desta beira do río Mao.
Xa en San Lourenzo podemos visitar a súa igrexa e tamén o que foi no seu día o cárcere, edificación na que aínda sobrevive o escudo pese ao seu estado ruinoso.
Despois dun pequeno paseo chegamos á necrópole de San Vitor, do século X, na que podemos apreciar dúas partes principais: un afloramento granítico no que se escavaron máis de 50 sepulturas e o penedo do alto no que se conservan as cimentacións da antiga capela de San Vitor.
Tamén podemos apreciar un foxo de fundición de campás do século IX-X sendo o máis antigo coñecido ata hoxe.
Se continuamos avanzando polas cores de outono que tinguen todo ao noso arredor chegamos ata Penalonga, un penedo cun nome moi apropiado
.
Un pouco máis adiante toparemos coa forza da Fervenza do Cazafón. Fai unhas semanas case me custou un baño sacarlle unha foto e para iso nin moi ben me quedou
.
E pasiño a pasiño chegamos aos soutos e sequeiros de Meder.
Un roteiro limpo, ben sinalizado, agradable, perfecto para unha tardiña de outono con sol. Con choiva pode resultar algo esvaradío algún tramo.
Xa sabedes, menos sofá e máis monte! 

















