Esta pequena capela, ubicada a escasa distancia do centro de Chaves, destaca especialmente dentro do románico rural trasmontano a pesar da súa reducida dimensión.
Aínda que a súa construción se sitúa no século XIII, o seu enclave está ligado á antiga vía romana entre Bracara Augusta e Aquae Flaviae, documentándose restos de mosaicos, columnas, cerámicas e outras estruturas da época até baixo a propia capela.
Clasificada coma Ben de Interese Público no 1971, destacan as arquivoltas e a decoración zoomórfica da súa portada, alén dunha curiosa “máscara”, símbolo polo visto de protección. Tamén os seus capiteis con figuras antropomórficas e motivos vexetais.
Encantaríame ver o interior, pero nas veces que fun aló sempre estaba pechada.

