Continuando pola etapa 7 deste roteiro, atopamos estas tres xoias cheas de curiosidades. A capela da Nosa Señora das Neves, no lugar de Pesqueiras e perfectamente integrada na paisaxe tradicional, presentaba na súa orixe unha imaxe de Santa Bárbara sobre a súa porta, hoxe desaparecida e sustituída pola figura da Virxe das Neves.
Con respecto á igrexa de San Pedro de O Burgo, pertencente xa a Castro Caldelas e datada en torno aos séculos XII- XIII, presume dunhas portadas e canzorros do máis interesantes. E polo seu muro norte pasaba o camiño real de Montederramo a Astorga. Como vedes, o lugar xa debeu ser importante historicamente!
E a Igrexa de San Xóan de Camba, fundada no século X, foi no pasado abadía e real mosteiro dúplice, contando cunha comunidade de homes e outra de mulleres
. Foron atopados aquí sartegos antropoides con moedas de Constantino o Grande (século IV) no seu interior. Da súa etapa visigótica conserva na actualidade tan só unha xanela xeminada e dous relevos dos séculos X e XI (unha adoración e unha flaxelación), expostos no Museo Arqueolóxico de Ourense. A igrexa actual conta cunha torre cunha inscrición de 1779 e cunha sancristía subterránea máis antiga! 

