Na parroquia de Santo Estevo de Ambía, no concello de Baños de Molgas, atopamos esta capela do século IX de gran interese arquitectónico, artístico, histórico, etnográfico e relixioso.
E é que se trata dunha capela de estilo prerrománico con influencia mozárabe relacionada cronoloxicamente con outras dúas capelas do mesmo estilo nas terras de Ourense. Unha delas a de Santa Comba de Bande (da que xa vos falei nunha entrada anterior) e a outra a de San Miguel, ubicada nos terreos do Mosteiro de San Rosendo, en Celanova.
No seu interior atopamos unha ara de orixe romano e un cristo crucificado en talla de madeira de orixe medieval románico.
Da época da romanización, tamén podemos visitar na mesma aldea a Fonte Das Ninfas, baixando da capela á man dereita meténdonos por un camiñiño entre casas. Deste lugar procede a ara que está no interior da capela.
É un ben de Interese Cultural. Foi declarado Monumento Histórico Artístico.
E para visitala hai dous veciños que teñen chaves da mesma. Os números das casas están nun papel ao carón da capela. Ámbalas dúas casas son ao inicio do pobo vindo de Xunqueira de Ambía. Contábame o amable señor que ma ensinou que aínda se misa alí así que tamén podería ser outra opción para visitala.
Estou segura de que vos gustará. O pobo está bastante coidadiño e moitas das súas antigas casas foron reformadas con moi bo gusto. Paga a pena darse un paseíño por él. E moi preto de aquí tedes o conxunto etnográfico de Suatorre, do que xa tamén vos falei anteriormente, por se queredes ampliar a visita!









