O castelo da Pena está ubicado sobre unha atalaia natural, a 747 metros de altitude, que domina o val da Limia ofrecendo unhas espectaculares vistas.
A fortificación medieval conta cunha muralla exterior ovalada e, no centro da mesma, vemos a impoñente Torre da Homenaxe, construída con perpiaños e que acada unha altura de vinte metros. Calcúlase que a data da súa construción é de finais do século XIII ou principios do XIV.
Entre a torre e a muralla apreciamos os restos dun conxunto de estruturas dos séculos XV-XVIII, cando o castelo era sede do xuíz e cárcere do territorio. No seu interior atopáronse materiais arqueolóxicos coma fichas de xogo, unha punta de lanza e mesmo un canón.
Agora toca botar a voar a vosa imaxinación! 



