Un desvío de 600 metros de lonxitude dende o percorrido do Camiño Privilexiado, permítenos achegarnos ata este punto, tamén coñecido coma Outeiro da Almena, entre as aldeas de Randín e Vilar.
As súas orixes proveñen dos primeiros tempos da independencia portuguesa, no século XII. Actuaban como lugar de defensa da nova raia, en liña cos castelos de Portelo, Montalegre, Monforte do Río Frío e Chaves, e no mesmo contexto que outras torres e castelos situados do outro lado, coma na Limia ou Monterrei, para o control efectivo do territorio. Foi o rei Sancho I de Portugal quen lle concedeu a súa primeira carta foral, o que supuña asumir a categoría de vila, citándose o mesmo como cabeza das Terras da Piconha.
Despois de verse afectado e reconstruído en diversas ocasións, é no ano 1650 cando podemos marcar o fin desta fortaleza, no contexto da Guerra da Restauración, cando foi derrubado polas tropas casteláns. A evolución dos sistemas defensivos e de dominio territorial posterior, fixo xa innecesaria esta praza, caendo no esquecemento ata que o seu termo foi extinguido totalmente trala sinatura do tratado de fronteiras de 1864, onde xunto co territorio do Couto Mixto, pasou á soberanía española.
Coñecemos a estrutura e existencia deste castelo grazas aos debuxos de Duarte de Armas, no Livro das Fortalezas. Teño que dicir que son unha apaixonada do seu traballo!

