Castro Laboreiro. Portugal

Para aqueles que non coñecedes esta fermosa aldea, Castro Laboreiro é un dos principais núcleos de poboación e con maior número de servizos do Parque Nacional Peneda-Gerês. Se publicacións atrás vos falaba do sistema das brandas e as inverneiras como estilo de vida nesta zona, Castro Laboreiro constituía un lugar fixo para residir durante todo o ano.
Cun máis que notorio patrimonio histórico e arquitectónico, destacan especialmente as ruínas do seu castelo ubicado a unha altitude superior aos 1000 metros e declarado Monumento Nacional. Tamén as súas casas castrexas e edificios singulares como o dos antigos “Paços do Concelho” e o do antigo Tribunal Xudicial. Tampouco pasa desapercibida a súa picota ou “pelourinho” e a igrexa matriz, construída primitivamente no século XII en estilo románico.
Conta ademáis con un Núcleo Museolóxico, o cal vos recomendo visitar, adicado á historia e tradicións locais con especial fincapé no tema das brandas e inverneiras.
Dende o seu mirador poderedes contemplar as magníficas vistas do Val do Laboreiro e a Serra da Peneda. E nos seus arredores, o que para min é un dos seus maiores encantos: a Ponte Velha, cunha estructura de pedra erixida sobre as augas do río Laboreiro, que caen formando unha fermosas fervenza que foi excavando as rochas dando lugar a pequenas pozas ao seu paso. No ano 1986 pasou a formar parte do catálogo de monumentos nacionais do país luso.
Son múltiples os roteiros que permiten desfrutar de todo o seu esplendor, así coma dos seus arredores! E a súa gastronomía inmellorable! 🤤

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *