Codeseda

O camiño da Geira e dos Arrieiros.
Codeseda é un deses lugares no camiño que, non sabería explicarvos moi ben a razón, pero ten algo especial. Xa nun primeiro momento sorprende cun espectacular cruceiro barroco de finais do século XVIII. Na súa cruz deixa ver no anverso a Cristo crucificado, no reverso a Nosa Señora das Angustias, e no fuste da columna a dous frades mártires cos hábitos franciscano (o de enriba) e benedictino (o de abaixo).
Un pouco máis adiante, a súa impresionante Igrexa de San Xurxo. Datada de 1175, representa un claro exemplo do románico da Estrada. Formaba parte no seu tempo dun antigo mosteiro feminino da orde de San Bieito. Da época medieval consérvase a cabeceira da igrexa e diversos restos das dependencias monacais.
Como curiosidade podemos dicir que os capiteis vexetais da mesma están inspirados nos que realizaron os canteiros do mestre Mateo na catedral de Santiago, que existe un lintel que testemuña o paso dos peregrinos procedentes de Portugal cara Compostela, e que o frontal do altar románico conta con dúas esceas dos Reis Magos e Agnus Dei reutilizado como balaustrada do campanario.
Por certo, se facedes o camiño, non esquezades unha paradiña no “café-pub Caminho da Geira”, onde non queda un peregrino sen fotografar!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *