Xa fai un tempo que tiña pendente esta visita que hoxe vos recomendo encarecidamente. Este espectacular conxunto etnográfico está formado por sete muíños e tres batáns. Estes muíños eran empregados para moer millo e trigo e transformalo así en fariña, cobrando os propietarios unha porcentaxe desta fariña que era o que se coñecía coma a maquía.
Os batáns tiñan como finalidade bater en mollado os tecidos feitos nos teares artesanais e tupir a súa trama para ter unha consistencia máis grosa e de maior resistencia. Dependendo da calidade da la, este proceso podía levar dende un día a unha semana!
Estes muíños e batáns foron o sustento e modo de vida das dúas familias do Mosquetín até que, a finais dos anos sesenta, os batáns deixaron de ser usados quedando entón abandonados.
Nas inmediacións contades cunha zona de merendas con sombra e co río Grande do Porto como fondo. Espero que vos guste! 

