Na ribeira do río Vilaza atopámonos con esta mestura perfecta de muíños, pontes e lavadoiro público. Os muíños tiveron grande importancia económica dende os seus inicios pero tamén social, ao seren punto de encontro da veciñanza nuns momentos nos que a forma de relacionarnos entre nós era moi diferente. Deses muíños saíron cantares, contos populares, supersticións…
Nun percurso circular duns 3km aproximadamente, sen dificultade algunha, podemos descubrir da man do río cinco muíños perfectamente restaurados: muíño do Vento, muíño Novo, muíño de Soleido do Quenllo, Soloeido de Arriba e Soloeido de Abaixo. Dúas pontellas de pedra, a do Xubelo e a do Vento, dáranlle un toque único a este roteiro.
Moi preto temos o embalse de Zamáns, de 1960, e pouco despois outro importante conxunto etnográfico formado polos Muíños de Maquías e de Seoane. O de Maquías, ademáis de muíño, era tamén o fogar do muiñeiro. Teño que dicir que de todos os que levo visitado tal vez sexa, sen menosprezar ao resto, o que máis me impactou.
E continuando a través do antigo Camiño Real que unía Tui con Vigo (Camiño do Regueiro do Forno) voltamos ao punto de partida.
Non vou dicir esta vez que espero que vos guste este recorrido porque teño a certeza de que así será
.
















