Hoxe vou compartir con vós esta xoia que me descubriron recentemente e que me deixou totalmente abraiada. Este conxunto está formado por unha pequena capela, construída baixo a advocación de San Xoán aínda que realmente a quen venera é a San Antonio, e un espectacular cruceiro con baldaquino e dous petos de ánimas.
Este cruceiro, datado de 1778 e que aínda conserva a súa policromía grazas á protección do baldaquino, representa a figura de Cristo baixo a mirada de San Antón, e no seu reverso a Virxe María. As fornelas están a día de hoxe baleiras, aínda que no pasado de seguro albergaron algunha figura.
E como curiosidade, direivos que se pensa que o topónimo de Marrubio garda relación con unha cruenta batalla que tivo lugar no século IX entre os condes de Caldelas e de Pena, e que tinguiu os campos cun mar de sangue dos combatentes.
Vin tamén que pasa por aquí a PR-G 266, ruta das aldeas de Montederramo, pero aínda non tiven ocasión de levala a cabo. Ahí o deixo por se alguén se anima antes ca min que mande noticias!
Espero que vos guste! 

