O camiño da Geira e dos Arrieiros.
Tramo de Cortegada a Ribadavia.
Como vos dicía onte, neste camiño hai moitos sitios que merecen unha entrada propia nesta páxina, como é o caso concreto deste.
Cortegada é unha vila con pouco máis de 1000 habitantes, pertencente á comarca do Ribeiro e ubicada nun enclave único ás beiras do río Miño.
Coñecida polo seu pasado termal, conta a día de hoxe con dous balnearios, o antigo datado de 1937 e hoxe reconvertido en museo e restaurante; e o actual que aínda se mantén en uso. As súas augas alcanzan os 38 graos, son sulfurosas e ferruxinosas, e atribúenselle propiedades para enfermidades hepáticas, respiratorias, gastrointestinais, xenitourinarias e da pel. Xa eran coñecidas na época romana e foi tal a fama destas augas ao longo do tempo que o lugar chegou a chamarse Cortegada de Baños.
No seu casco vello pódese apreciar a importancia desta vila xa en tempos pasados, presente na súa arquitectura tradicional, nos pequenos detalles, e tamén na Igrexa de Santa María de Cortegada, un tesouro cultural digno de visitar.
Alén do Camiño da Geira e dos Arrieiros, conta cun roteiro propio, o “PR-G 247 Roteiro por terras de Cortegada”, que nos permite descubrir a través dos seus case 22km circulares, os principais atractivos desta zona. Tamén ten habilitado un roteiro termal, circular de 9km escasos, e que conecta ambos balnearios coa aldea abandonada de A Barca. Como vedes, non faltan opcións para desfrutar desta fermosa vila e os seus arredores.















