Onte deixábavos á altura do cruceiro do Cristo do Piñón, onde abandonábamos as augas do río Tea para descubrir aldeas coma A Portela, As Cortellas ou O Mosteiro ata a nosa chegada a Pazos de Borbén. Os atractivos desta parte do camiño tamén son múltiples e variados, e un claro exemplo do valioso patrimonio do que dispoñemos.
A cruz do Souto (de 1832), o cruceiro das Cortellas (punto de encontro de varios camiños), e a capela de San Francisco co seu impoñente peto de ánimas (o cal alcanza unha altura de nada menos que tres metros e medio), son algúns dos puntos de interese desta etapa, pero non os únicos. O cruceiro de Mosteiro, o peto de ánimas, cruceiro e igrexa de Santiago de Borbén e o cruceiro e igrexa de Santa María de Pazos tampouco se quedan atrás.
E iso por non falar de fontes, lavadoiros, construcións antigas e os fermosos bosques que atravesaremos durante o noso percorrido. Como vedes non ten desperdicio!

