Curtidoiro da Familia Conde. Vilaboa. Allariz

As fábricas de curtumes viviron un gran auxe na provincia de Ourense no século XX sobre todo, con especial relevancia nas comarcas de Allariz- Maceda e O Carballiño.
Na vila de Allariz operaron 5 fábricas e nos seus arredores, A Acea de Meire, A Portela de Airavella e Vilaboa foron auténticas aldeas-fábricas.
Pero hoxe vouvos falar da que, pese ao seu estado ruínoso, máis conseguiu captar a miña atención dende que cheguei a ela de casualidade seguindo un sendeiro que atravesa o bosque: o curtidoiro da Familia Conde.
Datada a súa orixe arredor de 1900, aínda que con modificacións posteriores, mantivo a súa actividade até 1965. Ocupa un gran predio duns dous mil metros cadrados que abarca diversas edificacións. Xa no seu exterior, chama a atención a súa dimensión, cantería e unha impoñente balconada. No seu interior aínda se poden apreciar os píos onde se facían os traballos de curtidos, aínda que cubertos de maleza agora mesmo.
O principal empresario desta fábrica de curtidos foi José Conde Conde, que comezou cotizando por dous metros cúbicos de píos en 1901 e 1902, chegando a cotizar por 102 metros cúbicos e un muíño de casca en 1938. A partir de ahí a súa actividade foi decrecendo ata o seu abandono.
O conxunto de edificacións para o traballo dos coiros, normalmente distribuíase en cinco compoñentes: o almacén de materias primas e local da moenda da casca, ubicados á entrada xeralmente, despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros. O terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento, o espazo para enxugado e aireado, ubicado nun primeiro andar moitas veces. E o derradeiro a zona de remate, que ás veces estaba xunto coa anterior.
Déixovos un enlace con máis información tanto sobre esta fábrica de curtumes coma sobre o traballo.do coiro e xeral. Espero que vos guste! 🤩

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *