Aquí volto á carga cun roteiro que chegou direitiño ao listado dos meus favoritos. E non só pola metereoloxía favorable, a cal agradezo profundamente, senón tamén pola beleza e variedade das paisaxes que ofrece ao noso paso. A fermosa aldea da Bordeira, a zona costeira coas súas dunas que conviven cunha verde foresta a nada que vaiamos cara dentro, as salvaxes praias de Bordeira ou da Carrapateira, a escarpada liña que separa terra e auga…
Que máis se pode pedir? Que estea limpa e ben sinalizada? Pois tamén! Este percurso circular duns 13,5 quilómetros de lonxitude, ofrécenos a posibilidade de reducir a súa distancia a uns 6 quilómetros, facéndoo de igual xeito circular. Carece de dificultade técnica algunha nin grandes desniveis, excepto polo tramo que se camiña sobre a area, que pode resultar un pouco máis custoso se non se está acostumado.
Paga a pena e encantaravos! 

