Aínda me lembro cando fun dar por completa casualidade cunha destas singulares construcións na aldea da Lavandeira. Casas, pendellos, peches, cortes e outros anexos de carácter agrícola eran feitos con bloques de terra mesturada con xuncos ou herbas que se deixaban secar ao sol. Esta foi unha solución intelixente e sostible nun territorio sen abundancia de pedra coma era o contorno da antiga Lagoa de Antela, chegando a formar parte así da arquitectura tradicional da Alta Limia.
Podedes ver aínda a día de hoxe exemplos das mesmas nas aldeas da Lavandeira (dúas) Zadagós (unha), Cardeita (catro) e O Castro (dúas), todas elas no concello de Sandiás. E como curiosidade, direivos que Zadagós ten, alén de terróns, unha capela con mooooita historia. Pertencente ao século XVII foi construída por Pedro Pérez, veciño da aldea. O tío deste, que era o cura de Piñeira, deixou ordeada no seu testamento unha misa semanal a perpetuidade que debía celebrarse nesta capela. Para mantela no tempo vinculou a esta fundación varios bens, entre eles 20 ducados en metálico e seis fanegas de pan anuais que pasaron a mans dos herdeiros do fundador. E ollo, que en 1729 debido a súa popularidade, o bispo viuse na obriga de limitar a asistencia á misa até quedar reducida aos familiares do cura para evitar que os demais veciños deixaran de acudir á igrexa parroquial.
Como vedes, tódolos recunchos teñen a súa historia e as súas anécdotas! Espero que vos gusten!

