Ermida da Nosa Señora da Asunción. Salvaterra de Miño

Na parroquia de Pesqueiras, ubicada na cima do Monte Castelo e sobre o solar dun antigo castro romanizado, atopamos esta fermosa e orixinal ermida inserida nun enorme penedo de gran beleza.
Cunha entrada de pedra, a modo de pórtico, as súas paredes laterais e teito están formados exclusivamente polo penedo duns 20 metros no que se atopa. No interior conta cun modesto altar e unha imaxe da Virxe da Asunción. Todo o conxunto data do século XVIII.
As vistas do val do Tea dende a mesma son realmente espectaculares. Hai un camiño que fai posible rodeala.
Son moitas as lendas que versan sobre esta ermida, coma a dunha cruz no seu interior que aínda que se tente borrar sempre reaparece e pasadizos subterráneos baixo a mesma.
Na comarca do Condado non é este o único penedo sorprendente. Tamén preto podedes visitar a Pena do Equilibrio, na subida ao monte Picaraña, e a Pena dos Namorados en Arcos, Ponteareas.
Espero que vos guste e se atopades os pasadizos avisade 😋🤩

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *